A Xunta recibe o premio “Salud animal de España”


O conselleiro do Medio Rural, José González, recolleu en Madrid o premio “Salud animal de España”, da prestixiosa publicación Animals Health, outorgado nesta primeira edición á Xunta polo seu traballo a prol da erradicación da tuberculose bovina en Galicia. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer as aportacións e logros de persoas e institucións no ámbito da saúde animal en España.

Así, o conselleiro agradeceu este galardón e subliñou que a consecución da condición de Galicia como oficialmente indemne á tuberculose bovina supuxo a identificación da comunidade galega como unha rexión do Estado cun status sanitario privilexiado en relación ás enfermidades suxeitas a programas oficiais de erradicación, ademais de ter o maior número de explotacións bovinas e ser líder no sector lácteo. Ademais, puxo en valor a alta calidade produtiva e xenética dos animais bovinos galegos, sendo xa un referente no mercado nacional.