A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu un total de 20 ofertas para executar a obra de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión, licitada por un investimento autonómico de máis de 8,1 millóns de euros.
Das 20 ofertas presentadas, 4 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 24 empresas.
As actuacións conforman a primeira fase das intervencións proxectadas pola Xunta ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión e o seu obxectivo é solucionar as deficiencias que presenta na actualidade a rede de saneamento municipal destes dous concellos, redundando na mellora da calidade das augas desta ría.
O departamento que preside Ethel Vázquez adxudicará as obras no primeiro trimestre de 2022 para empezar, na primavera, coa súa execución. Prevese que os traballos estean rematados a finais de 2023, xa que contan cun prazo de execución de 18 meses.
Estas obras están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 14-20.