A Xunta reclama unha regulación estatal fronte á prostitución e a trata de seres humanos

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participa por videoconferencia na reunión entre a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero coas comunidades autónomas.

Así o trasladou a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, na reunión entre as comunidades autónomas coa delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Victoria Rossell.

Nesta liña, o Goberno galego solicita un marco legal unificado para todas as comunidades co obxectivo de actuar nos clubs de alterne, tendo en conta que estes establecementos están suxeitos á normativa segundo o tipo de licencia de actividade concedida polas entidades locais.

No encontro, o Goberno central avanzou que na segunda quincena deste mes de setembro a ministra de Igualdade, Irene Montero, e a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Noelia Vera, reuniranse cos responsables autonómicos neste ámbito. Galicia volverá a solicitar nesa reunión ferramentas xurídicas a nivel estatal fronte á prostitución.

Natalia Prieto incidiu na necesidade de dotar de recursos residenciais e asistenciais para a atención das necesidades destas vítimas que lles permitan romper o ciclo de explotación e saír desta contorna de vulnerabilidade, en especial na actual situación excepcional derivada da crise sanitaria da covid-19.