A Xunta reclámalle o custo da vía que conecta Oleiros coa vía Ártabra aos propietarios lindeiros


A Consellería de Facenda interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o Concello de Oleiros por aprobar o proxecto de compensación promovido polos propietarios dos terreos do SUD-7, comprendidos entre a rotonda das olas e a piscina municipal. Aos veciños e veciñas promotores desta actuación, constituídos en Xunta de Compensación para o desenvolvemento do solo urbanizable, a Xunta reclámalles 664.758,88 euros, que segundo o organismo autonómico é o que custou o tramo autonómico da Vía-20 (conexión Oleiros-vía Ártabra) executado entre os anos 2009 e 2013. “Isto é algo realmente escandaloso”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.