A Xunta de Galicia recorrerá ante o Tribunal Supremo a reforma do regulamento de Costas para manter a actividade económica e garantir o emprego no litoral, tal e como lle trasladaron este martes as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, a representantes da cadea mar-industria.
Durante o encontro, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reiterou que o novo regulamento reforza a intención do Goberno central de expulsar do litoral toda presenza social e económica sen xustificación técnica algunha, tal e como confirma o feito de que elimine a posibilidade de prórroga extraordinaria de todas as concesións de actividades económicas e que establece unha duración máxima de 30 anos para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
Nesta liña, as conselleiras confirmaron a presentación dun recurso para frear o ataque do Goberno central contra as instalacións no litoral, dado o escenario preocupante que xera esta nova normativa, aínda máis restritiva que a modificación da duración das concesións introducidas pola Lei de Cambio Climático. A isto hai que engadir que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico respondeu ás alegacións presentadas pola Xunta a este regulamento de xeito xenérico, pouco claro e caendo en contradicións.
Pola súa, a conselleira do Mar advertiu de que a nova normativa de Costas vai acabar afectando, tarde ou cedo, a todas as empresas do complexo mar-industria de Galicia asentadas en terreos de DPMT no momento en que teñan que renovar as súas concesións e se topen cos prazos máis curtos establecidos polo Goberno central e coas súas maiores exixencias co obxectivo de retirar calquera vestixio de presenza humana do litoral.