Tras dous meses de mobilización cidadá, a Xunta vén de informar este sábado de que a próxima semana formalizará “a contratación de dous pediatras” para o hospital de Verín co obxectivo de reabrir o seu paridoiro a comezos de febreiro. A carencia de profesionais foi un dos diversos argumentos que veu empregando o Goberno galego para xustificar a súa decisión de pechar o servizo de atención a partos dese centro a partir do pasado 2 de decembro, comunicada poucos días antes ao persoal. A xerente do Hospital Público de Verín, Guillermina Agulla, confirmou que está previsto que a vindeira semana se poida formalizar a contratación deses dous pediatras para a atención dos bebés, e que permitirá a reapertura da sala de partos «nos primeiros días de febreiro».
O Grupo Común da Esquerda identifica a decisión do Sergas cunha «vitoria clara e contundente da cidadanía» e «das mulleres que se mobilizaron para obrigar a Feijóo a rectificar». Nun comunicado, a deputada Luca Chao asegurou que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, «é o responsable dos despropósitos destes dous meses», polo que «a rectificación non é completa se o conselleiro non asume as súas responsabilidades e dimite».