A Xunta recúa e retira o borrador do plan de docencia mixta

1 minutes read
  • O secretario xeral do PSdeG sinala o “enorme clamor” de “centos e centos” de profesores universitarios que obrigou a Feijóo a retirar o seu plan de reforma docente, feito “pola porta de atrás” por “actores privados”.
Declaracións de Gonzalo Caballero.

A Consellaría de Educación vén de anunciar que retira a proposta realizada hai uns días ás universidades galegas para levar a cabo unha rápida transformación do modelo de docencia, que pasaría a ser online en boa parte dos contidos teóricos. O denominado ‘Programa de transformación á docencia innovadora’ iniciaríase en fase piloto e voluntaria no curso 2020-21 e xeneralizaríase no curso 2021-22, no que se implantaría este modelo na maioría das titulacións de grao universitario impartidas polas universidades galegas.

O proceso ía ser «coordinado e apoiado» pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), de tipo privado, e sería supervisado academicamente pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Precisamente o papel outorgado a esta fundación privada, conformada por grandes empresas como Naturgy, Endesa, BBVA, La Voz de Galicia ou Caixabank, Pescanova, ENCE ou Sabadell, foi un dos aspectos máis criticados na proposta realizada polo Goberno galego. O sindicato CIG-Ensino dixo, por exemplo, que o proxecto implicaba o «desmantelamento» da universidade pública de calidade en Galicia. Unha valoración semellante á realizada pola Asemblea de Investigadoras de Compostela.