As protestas por carencias en diferentes ámbitos do Servizo Galego de Saúde soan dende hai meses e a Xunta tenta contela ás portas do intenso ciclo electoral que ten a súa primeira parada nos comicios municipais do 28 de maio. En vésperas desa carreira electoral, pero tamén a apenas dez días da manifestación unitaria convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 12 de febreiro -descualificada xa dende a Consellería de Sanidade como unha «orde» de Ana Pontón, líder do BNG- o Goberno galego continúa tentando paliar o descontento entre o persoal, especialmente entre o máis mobilizado ou que exerce nos servizos sobre os que paira maior presión, caso da Atención Primaria.
Desta volta esa aposta por tentar arrefriar o clima sanitario chega recuperando un plan para «incentivar» o persoal médico que titoriza futuros profesionais, as médicas e médicos residentes. Trátase dunha norma que deriva cando menos parcialmente dunha lei de hai case década e media, a lei de saúde aprobada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG no ano 2008, e que o actual Executivo do PP xa lanzara en novembro de 2021, cando aínda estaba presidido por Alberto Núñez Feijóo.
Entre as novidades destacadas por Comesaña na súa comparecencia con Rueda o conselleiro destacou tamén, salienta a Xunta, que o decreto «asegura que o titor poida dispor dun tempo específico para o exercicio das súas funcións» dentro do horario laboral ordinario. O texto presentado en 2021 prevía que ese tempo fose de «dúas hora por persoa residente e mes, cun mínimo de tres horas mensuais». «A norma garante tamén que os profesionais que exerzan titoría reciban unha puntuación adicional nos baremos», destaca tamén Comesaña sobre a que define como «unha das normativas máis importantes da lexislatura».