A Xunta redactará o proxecto para darlle continuidade á senda de Serantes en Laxe

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou o compromiso da Xunta de redactar o proxecto para dar continuidade á senda de Serantes, no concello de Laxe. Trasladou este compromiso durante un encontro de traballo co rexedor, José Luis Pérez Añón, no que tiveron oportunidade de abordar distintos asuntos de interese para o municipio.

Segundo detallou a conselleira, o proxecto terá como obxectivo definir o trazado de dous novos treitos de itinerarios peonís para dar continuidade á senda de Serantes, actualmente en execución por parte da Xunta. Trátase, dixo, de definir a continuación desta senda de Serantes cara a Laxe e, polo outro lado, cara a Castrelo, sumando máis de 1 km de lonxitude.

Na actualidade a Xunta está a avanzar na construción das sendas na antiga traza da AC-433, que conectará pola marxe esquerda os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto; e pola marxe dereita Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio. Estes dous itinerarios suman 1,3 km de lonxitude e supoñen un investimento autonómico de 335.000 euros. A previsión é que poidan estar rematados a comezos de 2023, poñendo á disposición dos veciños de Laxe e dos visitantes dous novos itinerarios peonís que favorecerán desprazamentos máis seguros, limpos e saudables.

No encontro, a conselleira tamén referiu que esta mesma semana se iniciaron os traballos de mellora do firme na estrada autonómica AC-434 ao seu paso polo municipio. O obxectivo da intervención é rehabilitar o firme da estrada nun treito de case 2 km, garantindo desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios, ao mellorar as condicións da condución.

Confirmou, ademais, que a Xunta colaborará co Concello para mellorar o sistema de depuración do municipio, asumindo o compromiso de contratar a redacción do proxecto dunha nova depuradora en Traba.