O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a declaración como iniciativa empresarial prioritaria eses 13 parques eólicos, distribuídos en diferentes comarcas galegas e promovidos por Greenalia Wind Power (11 proxectos), Iberdrola e Enel Green Power. “Van subministrar enerxía a longo prazo a Alcoa e ao Grupo Cortizo”, indicou o mandatario.
Esta medida enmárcase na Lei de simplificación administrativa da Galiza [aprobada en 2017 en solitario polo PP e con duras críticas de oposición, movementos sociais e ambientalistas, que a bautizaron como ‘Lei de Depredación de Galiza’]. Esa lei contempla a declaración de iniciativas empresariais prioritarias, o que permitiría acelerar e simplificar trámites aos proxectos así considerados polo Goberno galego.
Neste caso, 13 proxectos eólicos, entre eles 11 de Greenalia, empresa da que se ten denunciado o feito de que a súa conselleira sexa Beatriz Mato, ex conselleira de Medio Ambiente de Núñez Feijóo. Esta semana Adega elevou á Fiscalía Xeral do Estado a denuncia contra o “indulto millonario” do Goberno galego a Greenalia, arquivada en Santiago.