O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou o pavillón polideportivo de Vimianzo para supervisar as obras de eficiencia enerxética que se están levando a cabo cun apoio da Xunta de 140.000 euros e que se inclúen dentro da orde de axudas do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, da liña dirixida á mellora da eficiencia enerxética dos edificios de titularidade municipal.
Trenor, acompañado da alcaldesa Mónica Rodríguez, e outros membros da corporación, tamén informou que o Concello de Vimianzo recibe outra partida de máis de 33.000 euros para a mellora do parque infantil de Carnés, para a creación ou mellora de infraestructuras vinculadas á prestación de servicios municipais. O representante do Goberno autonómico destacou que “estas axudas permiten levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns, e que contribúen decisivamente á mellora da súa calidade de vida, e demostran as vantaxes da colaboración entre administracións”.
Segundo sinalou o delegado Vimianzo tamén conta, a través do Fondo de Compensación Ambiental, cunha axuda de 161.000 euros para financiar servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente.