A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) coa entrega a 13 grupos neste ano de distintos vehículos – 6 furgonetas 4,x4 e 5 camións Bomba Rural Pesada (BRP)- para mellorar a eficacia nas súas intervencións, así como 4 equipos de excarceración e outro material diverso para a atención de emerxencias. No caso de 2 deles -o grupo con sede en Curtis e o servizo municipal de Terras de Celanova- contarán cun novo vehículo e un equipo de excarceración.
O investimento neste equipamento ascende a máis de 2 millóns de euros, no marco dos máis de 24 millóns de euros destinados pola Xunta nos últimos anos ao reforzo do equipamento destes grupos e dos servizos de Protección Civil dos municipios, pese a tratarse dunha competencia local.
Por unha banda, distribuiranse 6 furgonetas de servizos varios que supoñen unha dotación de 655.759 euros, 109.293 euros cada unha delas. Son vehículos 4×4 cos que acceder a todo tipo de zonas e cunha cisterna de 450 litros de auga. Entregaranse na provincia da Coruña aos GES de Ferrol-Eume, O Sar e Caldas e Ortegal e Ferrol con sedes en Mugardos, Padrón e Ortigueira, respectivamente. Tamén ao de Friol-Palas de Rei na provincia de Lugo, mentres que na provincia ourensá recibirán cadansúa furgoneta o GES A Veiga-Viana e o que atende a zona Viana-Verín con sede na Gudiña.
A Xunta tamén fará entrega neste 2023 de 5 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) cun custo total de máis de 1,2 millóns de euros. Os destinatarios destes vehículos serán o GES que dá cobertura á zona de Bergantiños con sede en Ponteceso e o que atende a área de Betanzos-Terras de Melide-Ordes con sede en Curtis, na provincia coruñesa. Pola súa banda, en Ourense reforzarase con estes camións o material do servizo municipal Terras de Celanova e o do GES da subzona do Ribeiro con sede en Ribadavia. Tamén contará cun novo BPR o GES con subsedes nos concellos pontevedreses de Mos e Redondela.
Estes vehículos, contan con tracción integral 4×4 e cunha cisterna de auga de capacidade de 3.500 litros de auga para intervir na extinción dos lumes contribuíndo a reducir a afectación na zona. Ademais, permiten o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños.
Por outra parte, investiranse 228.000 euros en 4 equipos de excarceración para tarefas de rescate e actuacións en emerxencias dos GES da zona Ulloa-Lugo-Chantada con sede en Monterroso, outro ao de Muíños que atende a zona da Baixa Limia, así como ao servizo municipal Terras de Celanova e ao GES Betanzos-Terras de Melide-Ordes con sede en Curtis.
Cos novos equipos, valorado en 57.000 euros cada un, os grupos destinatarios contarán co material preciso para atender accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas.