A Xunta reforzará os medios aéreos para loitar contra os incendios forestais

1 minutes read
  • As medidas adoptadas suporán un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer este venres as novidades do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2020 que reforzará os medios aéreos, cun incremento de capacidade de transporte auga, e adaptarase ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria, coa incorporación dos protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene.

Entre as novidades, este documento –que foi aprobado polo Consello da Xunta do pasado 8 de maio– suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevese a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento máis de 3.200 xa existentes.

Nesta planificación preventiva recóllense traballos silvícolas preventivos; a creación e mellora de infraestruturas de defensa; e intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións para incrementar o valor do monte e defender as vivendas fronte o lume. Actuacións que se iniciaron o 18 de maio e que se prolongarán, sempre e cando o permitan as condicións climatolóxicas, ata o 13 de xullo.

En relación aos medios aéreos, destaca o incremento da capacidade de transporte de auga e sobre o dispositivo humano, que estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.

No tocante ás melloras tecnolóxicas, Feijóo destacou a visualización actualizada de imaxes vía satélite; a compartición de pantalla entre varios usuarios; ou a implementación de formas ou siluetas provisionais de evolución do lume.