A Xunta reinvestirá no sector marítimo-pesqueiro o sobrante das axudas destinadas ao marisqueo a pé


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, aclarou no Parlamento que a Xunta reinvestirá no sector marítimo-pesqueiro o importe sobrante das axudas destinadas ás mariscadoras e mariscadores a pé que se viron afectados polo cese temporal da actividade como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido subliñou que isto é un feito, pois así o establece a normativa europea que especifica que o destino das cantidades do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) ten que ser o sector e dentro del os diferentes subsectores como o marisqueo.

Esta obriga legal de gastar no sector os cartos do fondo sectorial que o apoia, engadiu a titular de Mar, foi referendada pola aprobación dunha proposición non de lei na pasada sesión da Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo. Ademais a conselleira clarificou distintas cuestións relacionadas coas achegas ao marisqueo trala alerta sanitaria da covid-19. Nesta liña, en relación ás do Goberno central, explicou que “as supostas axudas xeradas polo Instituto Social da Mariña son, en realidade, prestacións por cese de actividade”, é dicir, un dereito das persoas traballadoras que cotizan ao Réxime Especial do Mar.