A Xunta rematará en xuño a mellora da potabilizadora da Laracha

3 minutes read
  • Esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta, que achega o 80% do financiamento, arredor de 1,5 M€, e executa as obras; e o Concello da Laracha, que financia o 20% restante.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde, José Manuel López Varela, visitou a potabilizadora de Gabenlle para supervisar o avance das obras que está a executar a Xunta para mellorar o abastecemento de auga ao municipio e que permitirá incrementar a capacidade de bombeo nun 50% e do depósito nun 130% cun investimento de 1,8 M€

O obxectivo é solucionar os problemas actuais de presión que hai nalgunhas zonas e mellorar a capacidade de almacenamento para ser máis resilientes fronte a eventuais períodos de escaseza, atender a demanda de auga en época estival e poder abastecer, no futuro, tamén ao parque empresarial do municipio.

Para reparar as deficiencias e a falta de capacidade da actual planta, procederase a ampliar tanto a potabilizadora como o depósito de cabeceira, e executaranse as correspondentes impulsións.

Neste sentido, instalarase un novo bombeo en alta de 60 l/s, fronte ao de 40 l/s actual; construirase un depósito de auga potable con dous vasos independentes pero capacidade total de 2.300 m³ para almacenamento de 24 horas de consumo, fronte aos 1.000 m³ do actual; e executarase unha rede de impulsión entre a potabilizadora e o novo depósito.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou que estas obras, que comezaron a finais de outubro, se centraron ata agora na preparación do terreo e continuarán esta semana coa execución da gabia drenante baixo o depósito e outros traballos nesta contorna. Neste mesmo mes comezará a obra civil do novo depósito e a cámara de chaves, intervencións que se prolongarán aproximadamente ata marzo. De xeito paralelo, a comezos de ano, empezarase coa execución das impulsións e a rede de condución entre os dous depósitos, entre o actual e o novo; e tamén se traballará nas instalacións da cámara de chaves.

Despois acometerase o bombeo en alta e, unha vez realizados os traballos de ampliación da potabilizadora e do depósito de cabeceira xunto coas conducións, levaranse a cabo as tarefas de reposición e de urbanización.

Ethel Vázquez apuntou que, seguindo esta programación e tendo en conta o prazo de execución de 8 meses, a intervención estará rematada a comezos do próximo verán. Esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta, que achega o 80% do financiamento, arredor de 1,5 M€, e executa as obras; e o Concello da Laracha, que financia o 20% restante e a realiza todos os trámites municipais necesarios.

Esta intervención conta con financiamento da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?