A Xunta rematou a construción dunha senda entre Valenza e Castrobó, en Coristanco

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de construción dunha senda na estrada AC-421, entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco.

O obxectivo desta actuación, cun orzamento de máis de 30.000 euros, foi mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida que ata agora tiñan difícil o acceso ao centro urbano de Castrobó, onde se atopan os servizos principais da zona.

A intervención permitiu configurar un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas ao longo do treito situado entre os puntos quilométricos 5,4 e 5,6 da estrada AC-421. A senda enlaza coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada a partir do punto quilométrico 5,6.

A execución do novo itinerario peonil comezou por traballos de limpeza, despexe, roza e escavación do terreo para habilitar a senda con bordo e en formigón coloreado.

A intervención incluíu a mellora da rede de pluviais con rígola prefabricada de formigón e bordo e paso salvacunetas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha