A Xunta renova os convenios de colaboración con 59 entidades de pesca


“Trátase dunha medida efectiva para protexer e conservar aqueles lugares que, en moitas ocasións, só son coñecidos polos pescadores”, salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que, na contorna do Xirimbao, participou nun acto simbólico de sinatura con representantes dunha vintena de entidades. Desta forma, un ano máis renóvase o compromiso de traballar de xeito conxunto a prol da conservación e mellora da pesca fluvial en Galicia. Entre as 59 entidades colaboradoras de pesca que asinaron o convenio hai 21 da provincia da Coruña, 18 de Lugo, 9 de Ourense e 11 de Pontevedra.

Así, a conselleira enumerou as medidas e actuacións que se levarán a cabo ao abeiro desta colaboración, e que se resumen como “compromisos ineludibles”: servizo de vixilancia; mantemento de infraestruturas, accesos, sendas e postos; operatividade dos sistemas de avaliación de capturas; colaboración cos servizos provinciais de Patrimonio Natural nos traballos programados; actividades de concienciación e divulgación; sinalización dos tramos acoutados; desenvolvemento de labores de limpeza; e xestión dos residuos.