A Xunta renovará a normativa de horarios e gardas de oficinas de farmacia

Imagen de archivo de una farmacia

Un novo decreto regula os horarios, as quendas de garda e as vacacións nas oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia e determina o número de profesionais farmacéuticos necesarios para a atención ao público nas mesmas. O regulamento ten como finalidade garantir á poboación unha excelente cobertura da rede de atención farmacéutica en todo o territorio galego.

Este novo decreto aborda unha regulación que, á vista das necesidades sanitarias e as peculiaridades xeográficas e poboacionais existentes nas distintas zonas farmacéuticas da comunidade, garante unha atención continuada e axeitada á poboación, regulando a xornada e horario das oficinas de farmacia, así como as correspondentes quendas de garda e vacacións, en consonancia cos principios de liberdade e flexibilidade horaria consagrados na Lei 3/2019, do 2 de xullo.

Nese sentido, establécense os mecanismos para que eses principios de liberdade e flexibilidade horaria permitan que o horario poda ser adaptado e modulado segundo as circunstancias das oficinas de farmacia, mais sempre tendo en conta as necesidades da poboación á que prestan servizo.

A través desta normativa preténdese que a cidadanía saiba que horarios teñen e, sobre todo, cales van a cumprir os requisitos de estar abertas as 24 horas, e que sexa igual para as catro provincias. En consecuencia, o decreto marcará a obriga de que esta información estea permanentemente actualizada nas páxinas web dos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia.