A Xunta renovará o pavimento do pantalán pesqueiro de Muxía

1 minutes read

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou este martes no porto de Muxía o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira no pantalán destinado aos profesionais da pesca, co obxectivo de reforzar a resistencia ante condicións adversas. Trátase dunha actuación enmarcada nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa a día de hoxe en licitación por importe de 640.000 euros.

Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou en Muxía o alcance desta actuación que beneficiará ao porto muxián  así como aos de Lorbé (Oleiros), Muros, A Barquiña (Outes) Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. A conselleira trasladou que as obras previstas consisten no desmonte do pavimento de madeira de pasarelas, pantaláns, e fingers deteriorados, formado por táboas e dormentes de madeira e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O prazo de execución previsto para os traballos é de sete meses.

En concreto, no porto de Muxía actuarase sobre o conxunto das instalacións destinadas á terceira lista, cun investimento de 20.000 euros. O ámbito da actuación abrangue tanto o tramo inicial de pasarela como o propio pantalán e 14 fingers. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará o tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar.