A Xunta reorganizará unha superficie de case 3.500 hectáreas no concello de Lalín

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, mantiveron unha reunión con veciños para presentarlles as novas concentracións parcelarias decretadas neste municipio pontevedrés, en outubro do ano pasado. Así, o conselleiro destacou que estes tres procesos (zona de Cristimil, zona de Galegos e zona de Goiás-Xaxán-A Veiga) permitirán reorganizar a estrutura territorial de 3.475 hectáreas de superficie, beneficiando preto de 1.630 titulares. O orzamento global previsto ascende a case 12 millóns de euros.

Neste senso, José González sinalou que as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, na zona de Cristimil veranse beneficiadas desta reorganización territorial un total de 27 explotacións, na zona de Galegos serán 40 explotacións e na de Goiás-Xaxán-A Veiga serán 156 as granxas beneficiadas deste proceso.

Así, estas tres novas parcelarias forman parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Pontevedra foron seis as decretadas, nos concellos de Dozón, Caldas de Reis, Valga e estas tres de Lalín.