A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou este martes na capital de Bergantiños que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan 5,4 M€ para completar o plan destinado a reducir o risco de inundacións na bacía do río Anllóns no concello de Carballo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, e en presenza do alcalde da vila, Evencio Ferrero, clausurou a xornada sobre A xestión das inundacións no contexto local. Planificación, divulgación e concienciación.
A conselleira puxo en valor o traballo que a Xunta está a desenvolver en colaboración co Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns e o seu impacto sobre o territorio, sobre as persoas e sobre a economía.
Concretou que xa se rematou a execución dun ‘bypass’ na zona de Muíño do Quinto, para mellorar a capacidade hidráulica do río, abrindo un canal alternativo que permite derivar caudal en períodos de crecida.
Sinalou que se está a ultimar a remodelación integral do parque de San Martiño coa construción dun muro de contención e axiña comezará a remodelación da ponte da rúa Fomento e ponte da rúa do Sol, que inclúe a demolición dun edificio que invade o cauce do río e a creación dunha canle de augas altas.
Apuntou que estas intervencións se completan coa obra de mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace AG-55 e AC-552 na rúa da Cepeira, en Sísamo, por un importe de 1,24 millóns de euros que se atopa en fase de contratación.

Fixo fincapé en que ademais de planificar e actuar no río Anllóns, é fundamental a divulgación e concienciación, polo que a Xunta vén traballando en dar a coñecer estes episodios naturais, coa sinalización das áreas con risco potencial significativo de inundación na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
Subliñou que a partir de ahora Carballo contará coa sinalización necesaria para que os seus habitantes e visitantes dispoñan desta información, ao igual que terán todas as zonas de especial risco.
Avanzou que tamén se levará aos centros escolares desta contorna a educación sobre a importancia dos ríos e a necesidade de respectalos. Así, concienciarase aos rapaces sobre a necesidade de manter o bo estado das masas de auga ou de facer un consumo responsable.