A Xunta respalda ao Concello de Santa Comba contra o proxecto de Euro Battery Minerals en Castriz


A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Innovación, dirixida por Isidoro Martínez Arca é clara na información remitida ao Concello xalleiro: “Non consta nesta Xefatura Territorial a relación entre Euro Battery Minerals e as concesións de explotación do coñecido como grupo Mineiro Santa Comba, tampouco consta ningún proxecto nin solicitude de permiso de investigación solicitado por esta sociedade, nin tampouco consta que sexa esta compañía a que estea realizando labores de investigación”.

Segundo comparten co Concello, Euro Battery Minerals leva máis dun ano vendendo unha mentira que fixo incrementar de sobremaneira a inquedanza por parte da veciñanza das parroquias de Castriz e Grixoa de Esternande en particular, e de toda Santa Comba en xeral. A resolución da Xunta era moi clara: “ Esta transmisión foi denegada dado que non é posible a transmisión dunha concesión de explotación outorgada para o aproveitamento de mineral volframio e estaño coa finalidade de investigar a existencia dun recurso diferente como son o níquel, cobre e cobalto”.

O alcalde de Santa Comba, David Barbeira, quixo salientar que o concello “está e estará sempre na defensa do seu territorio e veciños, fronte as mentiras de Euro Battery Minerals e do seu entorno que, amparándose en falsedades, agora manifestas, pretende buscar inversores e facer negocio sin respectar os principios máis básicos da legalidade da minería en Galicia.