O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego restaurará a capela da Virxe dos Milagres da Illa de Cortegada cun investimento de 600.000 euros e cuxa licitación se prevé para as vindeiras semanas.
Así o deu a coñecer o mandatario galego, quen acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o arquipélago do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Neste enclave, destacou o seu importante patrimonio-cultural, como reflicte esta capela de estilo renacentista e que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Rueda lembrou que se trata dun ben protexido que, tras estas actuacións, incorporarase aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas para “recuperar a memoria e historia” da illa e das súas xentes.
No 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio xa realizou obras de consolidación de urxencia das ruínas da capela. Agora, con esta nova intervención, construiranse os muros derrubados, a bóveda, limparase o interior e renovaranse carpinterías, entre outras accións.
Ademais do seu patrimonio cultural, o presidente da Xunta fixo especial fincapé no gran valor natural e medioambiental da Illa de Cortegada, como reflicte o feito de que alberga o maior bosque de loureiro de Europa ou que nela se poden gozar de praias paradisíacas, o que a converten nun modelo do turismo sustentable polo que aposta o Goberno galego. Por estes motivos, Rueda remarcou o grande atractivo desta ”marabilla” natural, que no último ano triplicou o número de visitantes ata chegar aos 2.150 entre xaneiro e maio.