A Xunta retirou 13.000 niños de velutina en coordinación cos concellos

Foto.- Cedida.

Por provincias, os operarios de Seaga eliminaron ou neutralizaron máis de 6.500 niños na Coruña, case 4.000 en Pontevedra, máis de 1.400 en Lugo e máis de 900 en Ourense. A maioría dos niños foron retirados nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles.

Cómpre ter en conta que en moitos do total de 23.730 avisos recibidos no Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 non procede actuación ou están pendentes de actuacións posteriores. Ademais, atendéronse 456 incidencias que polas súas circunstancias ou situación correspondían inicialmente a emerxencias.

O operativo de Seaga encargado da retirada de niños de vespa velutina conta con 80 efectivos, a maioría deles no equipo de intervención distribuído entre os centros de Santiago de Compostela, A Coruña -ubicado en Guísamo-, Lugo, Ourense e Pontevedra; aos que se suma un equipo de coordinación con profesionais de perfil técnico e administrativo.