A Xunta saca a licitación a renovación da cuberta da lonxa de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de renovación e acondicionamento da cuberta da lonxa de Muros. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 383.000 euros.

Os interesados terán de prazo ata o 29 de xuño para presentar as súas ofertas e poden consultar todos os documentos e pregos do concurso tanto no perfil do contratante de Contratos de Galicia como na páxina web de Portos de Galicia.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de illamento e estanquidade do edificio. Así, as obras previstas inclúen a substitución integral da cuberta de dúas augas por panel de dúas chapas de aceiro así como a renovación da cuberta plana nas zonas restantes. Ademais, instalaranse novos canlóns para as pluviais e retiraranse as reixas existentes ata o momento. Finalmente realizarase unha mellora do alumeado a través de lámpadas de tecnoloxía LED.

Esta actuación, que redundará na mellora das condicións de traballo do sector profesional de Muros, enmárcase nunha liña de acción global que está a desenvolver Portos de Galicia nos edificios de traballo dos portos autonómicos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha