O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, percorreu na mañá deste sábado un tramo do camiño que dá acceso a este espazo natural, un itinerario duns 2,5 quilómetros que comeza en Vimianzo e remata en Laxe e no que se están a ultimar, precisamente, unha serie de actuacións de mellora ao abeiro do Plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, aprobado a finais de 2024.
De feito, Vázquez Iglesias subliñou que se trata da primeira paisaxe protexida que conta cun plan propio destas características, no que se definen os valores a conservar e se regulan as actividades que se poden desenvolver neste conxunto granítico emblemático das comarcas de Terra de Soneira e Bergantiños.
O conselleiro estivo acompañado da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, e o concelleiro de servizos, Manuel Pose, así como do alcalde de Laxe, Francisco Charlín, e membros dos seu goberno.
Os Penedos de Pasarela e Traba, que foron declarados paisaxe protexida no ano 2009, son un conxunto de elevacións graníticas que ocupan unha superficie de 212 hectáreas que se reparten en case igual proporción entre os termos municipais de Laxe (103 hectáreas) e Vimianzo (109 ha), dentro da Grande Área Paisaxística Chairas e Fosas Occidentais.
Desde o Concello de Vimianzo destacaron a importancia destas intervencións para a conservación, accesibilidade e posta en valor dun espazo singular, que reúne unha extraordinaria riqueza natural, xeolóxica e paisaxística. ‘Un patrimonio compartido que forma parte da identidade da nosa terra e que debemos coidar e preservar’.

