A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu ao debate e aprobación en Pleno da Proposición de Lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia. Subliñou que a AP-9 ten as peaxes máis elevadas do Estado, pese ás bonificacións, e a comezos deste ano 2023 as súas tarifas encarecéronse unha vez máis.
Neste sentido, instou ao Goberno a clarificar se vai adoptar unha medida similar á da Xunta, que conxela por segundo ano consecutivo as tarifas nas autoestradas autonómicas; ou se vai permitir un novo incremento derivado da suba do IPC e da suba extraordinaria do 1 % polas obras.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia desta autoestrada esencial para os desprazamentos de milleiros de persoas, para a competitividade da economía e para a seguridade viaria, pois é a arteria de comunicación que vertebra o territorio no que residen o 60 % dos galegos.
O Executivo autonómico reclama que esa transferencia se materialice en condicións xustas para Galicia e veña acompañada dos recursos necesarios para a súa adecuada xestión, tanto os fondos necesarios para a execución das obras pendentes, como para o mantemento das bonificacións vixentes.