A Xunta sinala que o novo modelo de residencias debe recoller certas melloras

1 minutes read

O director xeral de Atención integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou que o novo modelo de residencias debe recoller melloras arquitectónicas, tecnolóxicas e normativas.
Acevedo deu a coñecer algún dos detalles nos que o Goberno galego está a traballar para conformar ese modelo de coidados do futuro. Neste sentido, apuntou que un dos piares fundamentais sobre o que se debe soster é a formación de espazos de convivencia máis pequenos nos que as persoas usuarias compartan servizos. Unha concepción que, destacou, permite que as persoas maiores se sintan nos seus fogares.
Paralelamente, resaltou que para ofrecer un modelo novidoso e innovador é preciso facer uso das vantaxes da tecnoloxía. Por iso, sinalou que, ao igual que noutros ámbitos se foron mellorando a calidade dos servizos a través da tecnoloxía, o sistema de coidados debe incorporar os seus beneficios para ofrecer un maior benestar ás persoas maiores.
Así mesmo, subliñou que os fondos europeos brindan unha oportunidade histórica para poñer en práctica este novo modelo que reforce os servizos residenciais dun xeito transversal e que atenda ás necesidades evidenciadas tras a pandemia da covid-19.