A Xunta de Galicia defende o papel protagonista que debe ter o Polo Aeroespacial de Galicia no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica vinculado a este sector e solicita o apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación para que os proxectos de I+D+i da iniciativa estratéxica do Goberno galego, especializada no segmento dos vehículos non tripulados, conten con financiamento destes fondos europeos.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou en Madrid na reunión sobre o Perte na que participou a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, xunto coas comunidades autónomas, organismos públicos de investigación, así como a organizacións empresariais e sindicais con relevancia no sector, entre outros.
A Administración autonómica destaca a necesidade de que o reparto previsto no Perte, fondos que permitirán atraer investimento privado a Galicia, se realice con transparencia, garantindo a igualdade de oportunidades e contando co compromiso do sector no reparto das axudas.