A Xunta somete a información pública os proxectos das sendas de Soesto e Serantes, en Laxe

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou este mércores do inicio do proceso polo que se someten a información pública os proxectos das sendas de Soesto e Serantes, en Laxe, que se construirán ao longo da antiga traza da estrada AC-433 co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

Esta intervención suporá executar en total preto de 1.300 metros de sendas, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho deste itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A publicación no Diario Oficial de Galicia do inicio da información pública ten efectos expropiatorios, de forma que, como explicou a conselleira, os titulares das 19 fincas afectadas polo proxecto e todos os interesados dispoñen de prazo ata o vindeiro 11 de agosto para presentar as súas achegas.
A partir de aí, continuarase cos trámites necesarios, co obxectivo de licitar as obras a finais de ano para a súa execución en 2022. Os traballos contarán cun período para a súa execución de 8 meses.


A senda do núcleo de Soesto conectará os lugares de O Rueiro e Castrelo a través dun itinerario de preto de 600 metros que se construirá pola marxe esquerda da vía, no treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, a conselleira precisou que o itinerario irá pola marxe dereita, para facilitar a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.