A Xunta someterá a información pública en marzo o proxecto da 1ª fase da Variante de Carballo

1 minutes read

Así o fixo saber este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que tamén destacou o investimento autonómico de 1,1 millóns de euros no novo itinerario na estrada AC-552, entre Carballo e Coristanco, que terá continuidade na senda de acceso ao centro comercial que se licitará na primavera.

Vázquez Mourelle, xunto cos alcaldes de Carballo e de Coristanco, Evencio Ferrero e Juan Carlos García, respectivamente, comprobou o resultado dos traballos da nova senda na AC-552, que beneficia a ambos os dous municipios. Un novo itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos, co obxectivo de favorecer os desprazamentos cotiáns dos veciños e reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables das estradas.

A conselleira fixo fincapé na mellora das infraestruturas viarias da zona por parte da Xunta, pois en marzo se prevé someter a información pública o proxecto de trazado da 1ª fase da Variante de Carballo, no tramo de Bértoa, que suporá un investimento de 15 M€.

Tamén puxo en valor a aposta polo transporte público, que se ten traducido na modernización de todas as liñas e en iniciativas como a gratuidade no autobús da Xunta para os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova. Así, sinalou que preto de 1.500 mozos de Carballo dispoñen deste dispositivo, co que en 2021 fixeron máis de 31.000 viaxes de balde.

O Executivo autonómico tamén levará a cabo nos vindeiros días obras de humanización na estación de autobuses de Carballo, cun investimento próximos aos 50.000 euros, para crear un espazo de uso público máis aberto á vila, abrindo ao exterior a cafetería.