A Xunta achega unha axuda de 42 mil euros ao FIOT carballés


A Xunta de Galicia publicou a resolución da convocatoria de axudas a festivais de artes escénicas e de música, a través da que distribúe a súa dotación de 540.000 euros entre 28 eventos. En concreto, achéganse 340.000 euros ás 19 propostas subvencionadas na modalidade A para eventos musicais e 200.000 euros ás nove mostras escénicas adxudicatarias da modalidade B. Entre as axudas nesta modalidade atópase o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, o cal será beneficiario dunha axuda de 42.119 euros.

O Goberno galego reforzou en 2021 esta liña de apoio no marco do Plan autonómico de reactivación cultural, introducindo unha serie de modificacións nas bases para se adaptar á situación derivada da covid-19. Mantense así a aposta polos principais festivais galegos, considerados estratéxicos nos seus respectivos ámbitos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización.