A Xunta sufraga con 30.000€ obras de mellora na escola infantil de Coristanco

1 minutes read

A Xunta de Galicia asume o financiamento dun paquete de obras de mellora por un montante de 30.200 euros que se acaban de iniciar na escola infantil de Coristanco, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio coruñés, Juan Carlos García, visitou o centro para dar conta dos traballos proxectados.

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta intervención “é que as familias gocen dunhas mellores instalacións para os máis pequenos”.  Con este obxectivo e aproveitando os meses de verán nos que non hai activade na escola, acometeranse melloras na cuberta, nas fachadas e nas carpintarías exteriores do edificio para aumentar a súa impermeabilización e así evitar filtracións e humidades. Tamén se instalará unha pérgola na entrada posterior para protexer aos pequenos e aos seus familiares cando acceden ao centro nos días de chuvia; e faranse labores de acondicionamento interior e pintado de salas.

Estas obras, que se encarga de realizar o Concello, forman parte do programa de actuacións que de maneira periódica se levan a cabo nas escolas que dependen do Consorcio co fin de garantir o correcto mantemento e bo estado das instalacións. Como é habitual, previamente á súa execución puxéronse en común coa comunidade educativa e contan coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio e do Concello de Coristanco. Ademais, o ente autonómico financia o custe dos traballos, por medio das liquidacións que lle corresponde abonar á administración local por este servizo público.