A Xunta suspende feiras, concursos e certames de gando ante a dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural amplía o reforzo ante a dermatose nodular contaxiosa (DNC) e suspenderá a partir do luns, día 27, todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando en Galicia, co fin de protexer á cabana gandeira galega. Prohibirase tamén a entrada na comunidade de animais procedentes de explotacións situadas nas zonas declaradas como restrinxidas á DNC. A maiores, os bovinos que cheguen a Galicia con destino a sacrificio poderán entrar na comunidade, sempre que sexan trasladados directamente aos matadoiros.

Estas medidas preventivas entrarán en vigor coa publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro luns, e terán unha vixencia de 21 días, que poderá prorrogarse de acordo coa evolución epidemiolóxica da doenza.

Ademais, segue estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Así mesmo, establécese como obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia. Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural realizarán todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos.

Aínda que se reforzan estas medidas de prevención e vixilancia, a Consellería do Medio Rural lanza unha mensaxe de tranquilidade ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Neste sentido, e co fin de abordar esta situación e resolver dúbidas, o vindeiro luns celebrarase unha reunión con diferentes axentes do sector.

Cómpre lembrar que esta mesma semana, en Conferencia Sectorial, a conselleira do Medio Rural reclamou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro.

A dermatose nodular contaxiosa

Esta doenza é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Convén sinalar que esta enfermidade non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.

A evolución da situación epidemiolóxica desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza nas primeiras datas do mes de outubro en territorio español, na provincia de Girona en Cataluña, e que ten continuado ata a data con sucesivas notificacións de novos focos nesa Comunidade Autónoma, supón un importante aumento do nivel de risco de aparición da DNC en Galicia.

A fin de previr a súa entrada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario tomar medidas sanitarias cautelares, co fin de protexer á cabana bovina galega. Por parte da Consellería do Medio Rural púxose en marcha no verán unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións, xa antes de que se detectaran os primeiros focos da doenza en España.

Related posts

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño

Este domingo terá lugar en Cee o acto de clausura da XII Edición do programa O Mes da Fundación

Falece o ocupante dun turismo accidentado en Lugo, tiña 23 anos