A Xunta tomba o eólico que afectaría a Xanceda, polo benestar animal


O Goberno galego declarou a pasada semana “de interese autonómico” a ampliación da explotación agrogandeira que agora, tras un acelerado intercambio de informes entre consellerías, esgrime como obstáculo para os aeroxeradores “A implantación dun parque eólico na zona dunha explotación agrogandeira de produción ecolóxica podería afectar ao benestar animal e á maior protección que debe darse a estes métodos produtivos”. Con ese argumento da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias vén de declarar o goberno galego como “non viable” ambientalmente o parque eólico Gasalla. Impulsado por Green Capital Power con 7 aeroxeradores nos concellos de Mesía e Frades, situaríase a carón das explotacións ecolóxicas de Casa Grande de Xanceda, que leva anos mobilizándose contra o proxecto.

O Consello da Xunta declarou o pasado xoves “de interese autonómico” a ampliación da explotación agrogandeira e ese feito, tras un acelerado intercambio de informes entre consellerías, é esgrimido agora como obstáculo para os aeroxeradores. Unha decisión final ante a que Casa Grande de Xanceda amosa a súa “satisfacción” e considera “unha magnífica noticia para o sector ecolóxico galego”.

Considérse relevante que o parque resulte invalidado “pola prioridade da actividade agroecolóxica” fronte “á política enerxética que se tenta impoñer” e considera a decisión unha “magnífica noticia para o sector ecolóxico galego”, pola aplicación que pode ter a resolución noutras explotacións ameazadas por eólicos máis alá de Casa Grande de Xanceda.