A Xunta traballa nun novo modelo organizativo da Atención Primaria

1 minutes read

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu no Parlamento de Galicia, onde sinalou que non se pode adiar máis a transformación da atención primaria. Unha transformación que a levaría a pasar de ser a porta de entrada actual, a un nivel asistencial central con capacidade resolutiva propia. Para acadar dito obxectivo, é preciso, -dixo García Comesaña-, un novo modelo de gobernanza dos nosos centros de saúde.

Queremos introducir, -remarcou o conselleiro-, autonomía de xestión nos centros de saúde. Así, escolleranse xefes e coordinadores de servizo a través de concursos nos que se valore un proxecto de plan local de saúde cun enfoque de medicina comunitaria. Neste senso, os xefes e coordinadores de servizo poderían reducir as súas cotas para desenvolver as súas funcións de liderado, dirección e coordinación de todo o persoal do centro.

Esta medida de impulso do primeiro nivel asistencial, require dunha reorganización de funcións entre o persoal de primaria que contemplan varios aspectos, entre os que o conselleiro citou: o aumento da capacidade resolutiva do persoal de enfermería; o fomento do papel da fisioterapia de primaria, en funcións como as valoracións de dependencia; o impulso da formación sanitaria do persoal de servizos xerais; e o avance nunha maior integración do persoal dos PAC co resto de primaria.