- Un mesón da céntrica rúa Valle Inclán de Carballo podería ser sancionado con ata 30.000 euros de multa e o seu peche provisional, tras as dilixencias abertas pola Policía Local por infraccións multireincidentes.
A Xunta de Galicia recibiu 7.160 denuncias procedentes de 111 concellos por incumprimento das medidas sanitarias implantadas para evitar a propagación do covid-19 a raíz do convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao que se sumaron 178 concellos, o 58% do total en Galicia, para a xestión dos expedientes punitivos que son de competencia municipal.
En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, indicou que hai xa un millar de presuntos infractores que recibiron nos últimos días as notificacións, mentres que as demais denuncias atópanse na actualidade en tramitación.
A provincia de Pontevedra é a que remitiu á Xunta un maior número de denuncias para a súa tramitación (3.074), seguida das provincias da Coruña (2.000), Ourense (1.378) e Lugo (708). Pola contra, a provincia da Coruña é a que ten máis concellos adheridos ao convenio (57), seguida de Ourense (52), Pontevedra (43) e Lugo (26). Hai que ter en conta que as grandes cidades, por contar con medios propios, non están incluídas no acordo.
A maioría das infraccións producíronse polo incumprimento do uso obrigatorio da máscara, xa sexa por non levala no interior dos locais de hostalería ou nas terrazas, por non poñela dentro dos vehículos cando se viaxa con non conviventes ou por ir sen ela pola rúa. Aínda que menos numerosas, outras infraccións tiveron que ver co horario de peche dos establecementos ou co incumprimento do chamado toque de queda.