O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo un encontro telemático con representantes dos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín, Poio e Bueu para informalos da evolución da situación de prealerta por escaseza de auga.
Gonzalo Mosqueira explicou que a situación do caudal medio do río mantense estable nos últimos días, situándose en torno o 1,68 m3/s, sendo os datos do consumo total a día de hoxe de 0,51 m3/s. A este respecto, puntualizou que os datos dos caudais totais consumidos no sistema de Pontevedra amosan o esforzo que están desenvolvendo os distintos concellos para reducir os consumos, aínda que no caso de Pontevedra hai un repunta nos últimos días. Neste sentido, na reunión manifestouse o interese por coñecer o traballo que se está realizando desde o Concello de Pontevedra para intentar delimitar con maior precisión a parte do caudal que se corresponde ao consumo do propio municipio, para poder delimitar con maior precisión eses incrementos.
O xerente de Augas de Galicia reiterou que dado que aínda está a comezar o mes de agosto é preciso facer un consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.
A Xunta insta aos Concellos a seguir incidindo nas medidas de aforro xa adoptadas e implementado outras novas, como por exemplo o Concello de Sanxenxo, que pechou a piscina municipal para tratar de salvar a época estival coas garantías das reservas de auga.