A Xunta de Galicia trasladou aos concellos galegos as medidas desenvolvidas para controlar a poboación do xabaril durante unha reunión que mantivo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, acompañado de representantes da comisión executiva da entidade.
Así, a directora xeral explicou que, recentemente, se aprobou a declaración de emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. Logo de lembrar que esta medida é provisional, extraordinaria e complementaria á caza regrada en terreos cinexéticos e ás actuacións puntuais de control por danos, Do Campo subliñou que o seu obxectivo é axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.
No caso dos terreos non cinexéticos, os concellos poden optar pola colocación de gaiolas-trampa en lugares estratéxicos que adoiten frecuentar estes animais. Neste caso, o Goberno galego ofrece ás administracións locais unha proposta de colaboración que consiste en que a Xunta presta apoio técnico e asume os gastos da instalación das gaiolas e a súa vixilancia, ademais de outorgar as autorizacións mentres que o concello determina os lugares estratéxicos para instalar este dispositivo e encárgase da xestión completa dos animais capturados.
Do Campo tamén incidiu na necesaria e imprescindible colaboración dos concellos no impulso das medidas informativas e preventivas, con recomendacións como, por exemplo, non interactuar cos animais ou non abandonar bolsas de lixo fóra dos contenedores. E, por suposto, na xestión de zonas de maleza incontroladas que se converten en refuxios idóneos para a cría, o encame e o asentamento dos xabarís, e están localizadas moitas veces en contornas urbanas e periurbanas.