A Xunta trasládalle ao ministerio de Transportes a súa proposta de bonificacións da AP-9

1 minutes read
Intervención da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, trasladoulle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a súa proposta de bonificacións da AP-9 para abordala na comisión conxunta e garantir que desta vez gañen os galegos e non a concesionaria.

A Conselleira detallou que o obxectivo desta formulación da Administración autonómica é obter a maior “rendibilidade social” na aplicación das bonificacións da AP-9 por importe de 50 M€, previstas nos Orzamentos do Estado para 2021 e que ata o momento é un anuncio sen concretar polo Goberno central.

A Xunta ten un coñecemento profundo do territorio galego, da funcionalidade e do perfil dos usuarios da AP-9, polo que basea a proposta na atención prioritaria aos usuarios recorrentes, coa bonificación do 100% da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen a telepeaxe e que realicen a volta nun intervalo de 24 horas desde a ida calquera día da semana, ou ben un mínimo de dúas viaxes de ida e volta na mesma semana.

Para favorecer a quen máis ten que empregar a autoestrada, o Goberno galego tamén propón un desconto adicional do 25% na viaxe de ida para os vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe e que volvan nun intervalo de 24 horas, agás en domingos e festivos.

Neste sentido, Ethel Vázquez detallou que estas bonificacións que priman aos usuarios habituais suman un importe de 24,92 M€, case a metade deses 50 M€ previstos polo Goberno central.

A proposta da Xunta tamén recolle bonificacións do 60% en todas as viaxes para o caso das familias numerosas.