O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse co alcalde de Coristanco, Juan García, para organizar o traslado do Rexistro Civil desta localidade ao edificio municipal de servizos múltiples. O cambio ten como obxectivo garantirlle á cidadanía unha maior accesibilidade e vai supoñer tamén o inicio da dixitalización dos expedientes.
Está previsto que as obras para a adaptación do novo espazo comecen o vindeiro mes. Así, no encontro de hoxe abordouse tanto o movemento de documentación e mobiliario como as necesidades de conexión tecnolóxica para que o persoal poida comezar a traballar en novembro coa nova plataforma de Rexistro Civil DICIREG, que permite a tramitación electrónica.
Deste xeito, Coristanco contará cun Xulgado de Paz máis accesible, eficiente e moderno tanto polas características das oficinas como pola dotación tecnolóxica. A medida enmárcase en dúas importantes apostas da Xunta no eido xudicial, como son a mellora das infraestruturas e a dixitalización.