A Xunta urxe coñecer a fórmula que propón o Goberno para compensar aos mariscadores do Burgo

1 minutes read

A Consellería do Mar lamenta a tardanza do Goberno central en facer pública a fórmula que pretende empregar para compensar aos profesionais da ría do Burgo durante as obras de dragaxe do esteiro e o retraso na celebración da xuntanza a tres bandas -Xunta, confraría de pescadores e o Executivo estatal- que estaba prevista para este mércores e que foi aprazada a petición do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Esta situación, lamenta o departamento que dirixe Rosa Quintana, xera incerteza nas mariscadoras e mariscadores e dilata a solución a unha cuestión que é fundamental deixar pechada antes do inicio dos traballos na zona.
O Executivo galego lembra a súa boa disposición desde o primeiro momento na busca dunha solución para evitar prexuízos aos profesionais do sector e salienta que a conselleira do Mar xa remitiu hai dúas semanas un escrito ao secretario de Estado de Medio Ambiente no que lle solicita información sobre esa proposta para compensar aos afectados pola dragaxe da ría do Burgo, unha petición que foi reiterada esta mesma semana e que aínda non obtivo resposta.