- Avoga por que o Goberno destine parte dos fondos de reconstrución económica previstos pola UE a un plan de investimentos propio para a industria electrointensiva
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu este xoves que aínda hai alternativas para garantir a actividade e o emprego en Alcoa San Cibrao se o Goberno aproba definitivamente o Estatuto para os consumidores electrointensivos e un plan específico para o sector. Así o manifestou nunha comparecencia a petición propia na Deputación Permanente para abordar a situación que atravesa a factoría da Mariña luguesa.
Conde avogou por que o Goberno destine parte dos fondos de reconstrución económica previstos pola Unión Europea a un plan de investimentos propio para a industria electrointensiva; un plan que permita modernizar e impulsar o conxunto de empresas electrointensivas e salvagardar os postos de traballo que dependen dela.
O conselleiro defendeu que outro dos instrumentos que o Goberno ten ao seu alcance para dar alternativas de futuro ao sector é aprobar definitivamente o esperado Estatuto para os consumidores electrointensivos, que debe fixar un prezo eléctrico estable e competitivo. Segundo explicou, España parte nunha clara desvantaxe porque, antes de impostos, o prezo eléctrico segue a ser moi superior ao de Alemaña ou Francia. En concreto, o MWh está entre 10 e 8,3 euros por riba, respectivamente. Unha diferenza que se ve aínda máis lastrada pola falta de incentivos reais na parte regulada da factura.
Conde subliñou ademais que «só fai falta vontade política porque, de non ser así, España e Galicia pasarán de ser produtores a importadores de aluminio, o que encarecería os prezos e rompería a cadea de subministración».