A Xunta vén de solicitar ao Goberno central que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas 

Segundo informou este luns o presidente, Alfonso Rueda, “invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera os dereitos dos titulares de concesións do litoral”. O Goberno autonómico lembra ademais que, nos termos actualmente previstos, este regulamento non se adecuaría ás exixencias da Comisión Europea nin ao propio Dereito comunitario e contradiría a normativa estatal.

Así se recolle no acordo do que tomou razón este luns o Consello da Xunta e no que se dá conta das alegacións conxuntas rexistradas polas Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar no marco do trámite de información pública do referido anteproxecto, cuxo prazo para facer observacións remataba o pasado 15 de abril. O presidente salientou que o Goberno central quere modificar o regulamento “de xeito unilateral e sen ningún tipo de consulta coas comunidades e os sectores afectados”.

O Executivo galego basea o seu rexeitamento na reforma do Regulamento de Costas en argumentos competenciais, xurídicos e tamén económicos. Así, entre as principais alegacións formuladas, destácase que o Goberno central pretende impoñer cambios nos procedementos de outorgamento e revogación dos títulos concesionais na costa aínda a pesar de tratarse dunha competencia que, tal e como recoñecen o Estatuto de Autonomía e a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, corresponde en exclusiva á Administración autonómica.

Rueda resaltou que se trataría de cambios que poderían derivar no pagamento de indemnizacións para compensar os posibles afectados. Neste sentido, dado que a memoria do anteproxecto non prevé custos económicos para o Estado nin especifica quen se faría cargo destas indemnizacións, a Xunta interpreta que o que se pretende é trasladar ás comunidades autónomas os custos dunhas decisións adoptadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e facelo, ademais, sen ningún tipo de diálogo previo. “Podería darse o caso de que decisións tomadas de xeito unilateral polo Goberno central fosen indemnizadas polas comunidades con costa”, indicou.

Esta situación suporía, ademais, un prexuízo directo para as empresas e persoas que exercen actualmente algún tipo de actividade económica na franxa costeira, dado que verán perigar o seu futuro e os investimentos realizados con base nun escenario que vai cambiar polo carácter retroactivo de moitas das medidas recollidas no anteproxecto. “A pretensión do Goberno é clara: limitar ao máximo a actividade no litoral. E isto compromete o futuro de instalacións claves para a economía galega como estaleiros, conserveiras ou establecementos de hostalaría”, destacou o presidente.

En todo caso, e ademais da invasión competencial sinalada e do seu impacto sobre as actividades económicas ligadas ao mar en Galicia, o Goberno autonómico argumenta tamén nas súas alegacións que o novo regulamento xerará inseguridade xurídica na medida en que a súa redacción é contraditoria co articulado da propia Lei de costas aínda vixente. Recorda neste sentido que os regulamentos contrarios ás leis que desenvolven son nulos de pleno dereito e que, polo tanto, a modificación proposta xeraría un escenario de inestabilidade normativa e obrigaría a volver á situación anterior.

En concreto, explicaron que esta modificación, tal e como figura no propio texto do Goberno central, permitiría a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación de prórrogas solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo ás novas concesións, ao tempo que se pretende eliminar tamén a figura das prórrogas extraordinarias recollida na Lei de costas.

Related posts

O Concello da Laracha organizará un novo obradoiro dual de emprego coa colaboración da Xunta

O futuro da enxeñería aeroespacial deuse cita no aeródromo de Cerceda

O IES Maximino Romero de Lema de Baio acolleu unha charla sobre a represión franquista