A Xunta volve a sintonizar con Santa Comba


Logo de catro anos de Goberno Socialista e dous de CxG, Santa Comba parece estar de novo na axenda do Goberno galego, algo que veciños e empresarios agradecen. Tras a visita esta pasada semana do delegado territorial Gonzalo Trenor, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, no que lle trasladou os avances na tramitación para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, cun investimento da Xunta de arredor de 150.000 euros.

Trátase de executar unha senda peonil pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, de 1,8 metros de ancho e 450 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1,8 e 2,3, atendendo á solicitude realizada desde o propio Concello.

A zona conta con beirarrúas antes e despois do tramo obxecto da actuación, polo que o novo itinerario peonil terá continuidade nos dous sentidos. No punto quilométrico 2+210 proxéctase un muro de coieira de 8,5 metros de lonxitude para non afectar ao rego das Dornas. Vázquez Mourelle informou á rexedora que este proxecto para a mellora da seguridade viaria e a da mobilidade dos veciños do municipio está xa redactado.

Avanzou que se agarda iniciar, o antes posible, a información pública a efectos expropiatorios, un proceso durante o cal os veciños e persoas interesadas poderán trasladar as súas achegas. Unha vez rematado este procedemento e analizadas as suxestións recibidas procederase á licitación das obras.