A Xunta xestiona melloras para o persoal de Atención Primaria


Os obxectivos fixados están directamente relacionados coa accesibilidade dos servizos deste nivel asistencial: márcase o obxectivo de que o 90% das cotas de persoal sanitario de atención primaria (medicina de familia, enfermaría ou pediatría) teñan cita dispoñible para o paciente en menos de 4 días. Na actualidade, o 86% dos profesionais de primaria teñen cita dispoñible para os seus pacientes en menos de 4 días e o 66% en menos de dous, co que os acordos de xestión marcan o obxectivo de superar esta situación.

En coherencia, outros dos obxectivos marcados nos Acordos de Xestión son os de implantación destes instrumentos, que serán os que permitan poder acadar este obxectivo fundamental de accesibilidade. Así, fíxase que como mínimo o 90% dos servizos de Atención Primaria de cada área deberán ter implantado o sistema XIDE de xestión integral da demanda en equipo (que contribúe a distribuír a demanda entre os diferentes profesionais do servizo) ou as axendas de calidade para o persoal de medicina de familia e enfermaría, que contribúen a unha ordenación máis racional do seu tempo.

O reforzo da actividade administrativa nos centros tamén está recollido en obxectivos como a fixación dun 100% de servizos de atención primaria que deben ter unha axenda implantada para o seu persoal administrativo ou a fixación dun 95% de chamadas de usuarios devoltas no mesmo día, co uso do sistema CRM100 de xestión de chamadas que se está a despregar nos centros de saúde de toda Galicia.