A xustiza dá a razón a Beatriz Sestayo no seu dereito á Liberdade de Expresión no ámbito xudicial

2 minutes read

A Audiencia Provincial da Coruña emitiu sentenza na que estima o recurso de apelación que interpuxo Beatriz Sestayo contra a sentenza de data do 10 de novembro de 2020. A Audiencia revoga a anterior resolución e absólvea libremente da multa e da indemnización solicitada polo Xuíz que se lle impuxo.

Beatriz Sestayo mostrou a súa satisfacción porque a sentenza da Audiencia confirma que “as críticas en redes sociais ao comportamento dun xuíz entran dentro do Dereito Constitucional”. “Estimamos que o grao de crítica empregado non pasa os límites da liberdade de expresión e opinión constitucionalmente protexida”, sinala a sentenza.

O maxistrado do Xulgado do Penal 2 presentara denuncia tras unhas manifestacións en Facebook de Beatriz Sestayo nas que cualificaba de “machista” o comportamento do xuíz. A Audiencia enmarca estas críticas no Dereito á Liberdade de expresión e desde un punto de vista persoal da denunciada, que acudira aos Tribunais de Xustiza sen ver satisfeitas as súas expectativas. Ademais, incide en que os comentarios que formularon en Facebook outras persoas, en resposta á publicación de Beatriz Sestayo, non poden ser atribuíbles a ela.

Por outra banda, considera que fose pertinente, aínda que non fose necesario para o caso, admitir a proba da defensa, no xuízo celebrado en Ferrol, da declaración de 13 mulleres que anteriormente xa manifestaran o seu malestar pola actitude do devandito xuíz.

Tras a sentenza da Audiencia, Beatriz Sestayo manifestou a súa satisfacción e lembrou “ás mulleres vítimas que a Xustiza é unha institución que as ampara, a pesar de casos illados que poidan decepcionar”. A dirixente socialista reivindica “a loita por unha sociedade máis igualitaria para as nosas fillas e fillos”, e afirma que “o que xera os asasinatos de xénero é o machismo, non a denuncia do mesmo”. Finalmente, Beatriz Sestayo agradece as múltiples mostras de apoio de colectivos de mulleres recibidas ao longo da causa “a sororidade únenos e fortalécenos”.