A xustiza ordena devolverlle os mobles do Pazo de Meirás á familia Franco


A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña revogou o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 que ordenaba depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás. O tribunal acolleu o recurso interposto pola familia Franco e deixou sen efecto a medida cautelar acordada a pedimento da Administración, á que condena a indemnizar os recorrentes polos danos e perdas que lles ocasione a orde agora anulada. Os maxistrados explican na resolución que, neste momento procesual, é dicir, no da execución provisional da sentenza que outorga a titularidade do pazo ao Estado, non procede a discusión sobre a quen lle pertence o mobiliario, pois a Administración non o reclamou na súa demanda inicial.A Audiencia Provincial, con todo, deixa aberta a posibilidade de que a Administración poida demandar noutro preito a titularidade dos mobles que considere propiedade de Patrimonio Nacional asignado ao uso do xefe do Estado.