- A maxistrada entende que «coa suspensión solicitada causaríaselle prexuízo ao interese xeral» do Concello
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de A Coruña desestimou o recurso presentado polo rexedor de Ponteceso, Lois García Carballido, para anular diversas mocións aprobadas no pleno no mes de marzo deste 2021. O socialista, apoiado nestes momentos por tan só dous edís nunha corporación de trece, denunciara ao Concello para que non saísen adiante varias mocións que, segundo o rexedor, eran «nulas de pleno dereito». Entre eses acordos que Carballido pretendía anular atópase a modificación e formación das comisións informativas, a posta a disposición do PP e dos concelleiros non adscritos dun despacho, a derogación do regulamento orgánico municipal e a modificación da mesa de contratación do Concello de Ponteceso.
No auto, a maxistrada sentenza que «coa suspensión solicitada, causaríaselle prexuízo ao interese xeral, toda vez, que se estaría dando prioridade ao interese particular dos recurrentes, que discrepan dos acordos do Pleno, frente ao interese xeral que representa lexitimamente o Concello demandado».
«Ten que ser un xulgado o que recorde que aínda hai democracia en Ponteceso a pesar do goberno municipal que temos», destaca o portavoz do PP, Daniel García Cotelo, tras coñecer o auto xudicial. Para os populares esta sentenza é «unha boa nova» coa que agardan que se «normalice a vida política no municipio xa que estamos secuestrados dende hai xa demasiado tempo por tres concelleiros nunha corporación de trece».
«Non imos consentir que os caprichos de tres persoas sigan a prexudicar aos nosos veciños, que teñen todo o dereito do mundo a que se controlen as contas municipais, se faga un regulamento do Servizo de Axuda no Fogar ou se saiba dunha vez por todas o que sucede no despacho da alcaldía», asegurou o portavoz popular en alusión ás supostas gravacións de conversas que acabaron saíndo á luz pública. «Graváronse e difundíronse conversacións privadas nunha dependencia municipal, e queremos saber con que autoridade se instalaron cámaras, quen as instalou e se aínda están instaladas”, insistiu García Cotelo, que considera o auto xudicial un «varapalo ás ansias absolutistas de Lois García Carballido».