A XVII Mostra de Teatro de Malpica proxecta nove funcións para todos os públicos

PIXABAY

  • As representacións realizaranse no auditorio do centro cívico de Malpica ás 20.30 horas

O centro cívico de Malpica acollerá nove espectáculos durante os meses de outubro, novembro e decembro coa XVII Mostra de Teatro, onde participarán varias compañías de renome da escena galega. As funcións serán ás 20:30 horas todos os venres (excepto o sábado 27 de outubro e o 4 de decembro) e haberá obras para todos os públicos.

29 de outubro. A Mostra arrincará con A carreta pantasma de Berrobambáa. Dirixida a un público adulto, é unha historia na que se fala da morte, do medo e da memoria.

5 de novembro. Será o turno de Ainé Producións con Coleccionistas – A arte feita comedia. Trátase dunha comedia didáctica, dunha clase de arte chea de humor na que o público asistente terá un papel do máis participativo.

12 de novembro. A compañía Pérez&Fernández visitará a vila malpicá con Os nenos da varíola, baseada na Real expedición Filantrópica da Vacina que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

19 de novembro. Rebordelos S.L. chegará a Malpica con Liberto, unha función que conta a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.

26 de novembro. Este mes despedirase coa agrupación Os Quinquilláns, que conquistarán ao público malpicá con A pluma viva de Rosalía, inspirada nun feito real de censura a un texto da escritora de Follas Novas.

27 de novembro. Será a quenda de Bravas de Isabel Risco. Neste caso, a produción céntrase nas mulleres sen medo, naquelas que forman un valeroso clan que elas mesmas constrúen sobre os piares da rebeldía, a ilusión, o inconformismo e a valentía.

3 de decembro. Este mes tamén virá cargado de teatro e cunha primeira función para nenos a partir dos seis anos. Teatro Ghazafelhos interpretará Pinocchio, unha adaptación da obra clásica na que o protagonista é un monicreque que agocha un segredo no seu corazón.

4 de decembro. Este sábado a temática da Mostra dará un xiro de 180º coa función Crónicas dunha heterosexual insatisfeita, de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego. Nela convídase aos asistentes a reflexionar sobre as normas e parámetros preestablecidos que facemos propios sen pensar se hai outra opción diferente.

10 de decembro. Peche da programación teatral con Vida de cans, de Talía Teatro. É unha comedia paródica e metafórica na que os actores se converten en tres cans. Durante a obra, os animais terán que afrontar un conflicto diferente en función da súa personalidade.

O aforo máximo en cada un dos espectáculos será de 150 persoas. Os interesados poderán reservar a súa entrada enviando un correo a auditoriodemalpica@gmail.com indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva.